Tuesday 24 de September de 2024

Miño reforza o equipamento do ximnasio do Club Náutico con nova maquinaria


● Esta dotación supuxo un investimento de máis de 36.000 euros.

O Concello de Miño deu un novo paso na mellora das súas instalacións deportivas coa recepción do equipamento do ximnasio do edificio do Club Náutico. Este proxecto, que tivo un custo total de 36.142,70 euros, forma parte do plan municipal para seguir fomentando a actividade física e o benestar entre os veciños e veciñas da localidade.

O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, destacou a importancia de contar con instalacións modernas e accesibles para todos. “O Club Náutico é un espazo emblemático para Miño, e coa incorporación deste equipamento, non só melloramos a súa funcionalidade, senón que tamén damos resposta á crecente demanda dos usuarios por contar cun ximnasio ben equipado e de calidade”, sinalou o rexedor.

As novas instalacións deportivas do ximnasio inclúen maquinaria de última xeración destinada á mellora da saúde e o rendemento físico dos usuarios, tanto en actividades cardiovasculares como de musculación.

Vázquez Faraldo subliñou ademais o compromiso do Concello co fomento do deporte, subliñando que “seguimos traballando para que Miño sexa un referente en canto a instalacións e actividades deportivas. Con este novo ximnasio, damos un paso máis nesa dirección, fomentando hábitos de vida saudables e proporcionando á cidadanía un lugar no que coidar o seu benestar físico”.

Deja un comentario